Wednesday 01 de May de 2024

A Xunta salienta que Galicia asumirá por Lei e cunha estratexia propia os obxetivos da COP26 para conseguir ser rexión referente en neutralidade climática


— Despois de entregarlle o Memorando de Entendemento Under2 2021, Ángeles Vázquez propúxolle ao clúster medioambiental formar parte da Alianza Galega polo Clima que se está a impulsar e ter un papel protagonista ao carón da Consellería

— A conselleira explica que a colaboración con sectores claves, como enerxético e o da industria pesada, son cruciais para minorar os contaminantes climáticos e os residuos, así como para potenciar a economía circular

— Indica que o traballo realizado e os compromisos asumidos permiten afirmar que Galicia entra con paso firme no liderado do clima a nivel internacional, tal e como quedou patente a pasada fin de semana en Glasgow

A Xunta salienta que Galicia asumirá por lei e cunha estratexia propia os obxectivos e metas establecidos na 26ª Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático en Glasgow —COP26—, para converterse en rexión referente en neutralidade climática.

Así o afirmou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nunha rolda de prensa tras a reunión da xunta directiva do Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), presidida por Marcos Martín, na que ademais de facer un balance do seu paso pola COP26, tamén lle presentou as contas do seu departamento para o ano 2022.

Explicou que a posición de Galicia estará marcada polo impulso definitivo á Alianza Galega polo Clima, unha estratexia propia coa que poñer en marcha unha rede de organizacións de todo tipo implicadas na loita contra o cambio climático, a mellora do medio ambiente e o impulso dunha economía circular.

Despois de entregarlle o Memorando de Entendemento Under2 2021, Ángeles Vázquez convidou ao clúster medioambiental a formar parte desta Alianza que está a impulsar o Goberno galego e ter un papel protagonista ao carón da Consellería; co fin de promover medidas que limiten o quecemento global.

Tamén destacou a Lei do clima de Galicia, un documento xa en marcha para mellorar a situación actual da Comunidade e avanzar na consecución da neutralidade climática en 2050. Esta nova norma estará baseada na Estratexia galega de cambio climático e enerxía, coa que acelerar o camiño co que preservar os recursos naturais e a recuperación e fortalecemento da economía.

A conselleira trasladoulles que este fin de semana tivo a oportunidade de asinar o compromiso de Galicia de seguir traballando en reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) e adoptar medidas para limitar o quecemento global.

Marcos Martín, presidente de Viratec en representación de Viaqua, explicou que os 60 socios e membros deste clúster aglutinan ferramentas e instrumentos –que se traducen na mobilización de 2.000 millóns de euros anuais de facturación- para adaptar os compromisos asumidos e “aterrizalos no territorio, é dicir, pasar á acción”, a través da colaboración, e seguir traballando pola sostibilidade; pois “o futuro será circular ou non será”, afirmou.

Defendeu que para acadar ese reto é crucial contar coa colaboración de sectores clave, como o enerxético, para que aposten pola promoción e integración de fontes de enerxía renovables e o abandono de uso de combustibles fósiles; ou da industria pesada, con propostas que camiñen cara a descarbonización e redución das súas emisións.

Un terceiro vector –indicou- é conseguir desenvolver tecnoloxía coas que reducir os residuos e convertelos en materias primas secundarias ou enerxía, así como os contaminantes climáticos de curta vida, como o carbono negro e o metano.

“Galicia fai os deberes”
A conselleira destacou que Galicia leva anos de acción activa, “facendo os deberes”, o que lle permitiu reducir as emisións GEI nun 23,8% na Comunidade, mentres que no conxunto do Estado subiron un 8%.

Así, o traballo realizado e os compromisos asumidos permiten afirmar que Galicia entra con paso firme no liderado do clima a nivel internacional, tal e como quedou patente o pasado fin de semana en Glasgow.

Indicou que Galicia tamén vai por diante grazas á xestión axeitada dos residuos, un dos piares fundamentais na loita contra o cambio climático; ao que engadiu que o horizonte máis inmediato estará marcado pola Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023, que conta cun investimento de 60 millóns de euros para construír- entre outras actuacións- as tres novas plantas de biorresiduos e a construción ou adaptación de 13 plantas de transferencia.

Por último, sinalou que estas actuacións serán unha realidade grazas aos 200 millóns de euros de orzamento que xestionará a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático e Sogama, para que Galicia siga loitando contra o cambio climático e camiñe con paso decidido cara a economía circular.